Hosting pola empresa galega dinahosting

Galiza co Galego - O futuro da lingua galega está na educación

Menu


O futuro da lingua galega está na educación

O futuro da lingua galega está na educación”

Expertos galegos e internacionais coinciden na necesidade de potenciar políticas públicas e impulsar o ensino do galego en idades temperás para a supervivencia do idioma.

“O futuro da lingua galega está na educación”. Esta foi unha das conclusións ás que chegaron distintos lingüístas e sociolingüístas galegos e internacionais que participaron este venres en Narón nunha mesa redonda sobre o futuro do galego na educación infantil.

O profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee,Gabriel Rei-Doval; o sociolingüista indio Anik Nandi; o impulsor do proxecto Burela, Bernardo Penabade e o presidente de Avoaescola, Francisco López, realizaron unha radiografía sobre a aprendizaxe do galego nunha mesa que estivo moderada polo xornalista Xurxo Salgado, director de www.galiciaconfidencial.com.

Na súa intervención, o profesor Gabriel Rei-Doval, doutor en Filoloxía Galega e profesor de Lingüística Luso-Hispánica na Universidade de Wisconsin-Milwaukee lembrou que os datos sociolingüísticos mostran como a escola axudou, histórica e contemporaneamente, á castelanización dos usos lingüísticos escolares. “Teóricos da revitalización lingüística como Joshua Fishman teñen cuestionado a capacidade do sistema escolar para, por si propio, reverte-la substitución lingüística. As dificultades da escola para influencia-lo complexo casa-rueiro-comunidade estarían na base desa dúbida”, indicou.

“En galego estamos no mundo: facendo acorda-la lingua de Galicia na escola” foi o título da súa intervención na que suliñou que, a pesar deste ambiente hostil xorden “estimulantes innovacións sociais” coma a ferrolterrá ‘Avoaescola’ e as lucenses ‘Burela’ e ’Neo’, “mostras concretas e reais de que dinamiza-la lingua galega desde a escola é non só posible senón tamén aconsellable”.

Rei-Doval indicou que, nun macro-contexto sociopolítico que desfavorece tales iniciativas, a planificación lingüística de abaixo-arriba pode axudar a acordar o galego do “adormecido tecido social en que vivimos”. “A escola soa non pode facelo, mais si contribuír a facelo”, engadiu. Ademais, insistiu que o galego é, antes ca un impedimento, “unha útil ferramenta de interlocución sociocultural”. “Porque, como dicía nos anos 90 unha campaña da USC deseñada desde a Ferrolterra, en galego estamos no mundo”, lembrou.


A lingua constrúe identidades colectivas

“Un dos elementos máis definitorios da cultura dun pobo é, sen dúbida, a súa lingua, xa que -alén de ser o principal mecanismo de comunicación entre as persoas- os idiomas serven tamén para transmitir emocións, sentimentos e valores sociais, atopándose por iso ligados a procesos de construción de identidades colectivas”, comezou o sociolingüista indio Anik Nandi a súa intervención sobre a “situación das linguas minoritarias en educación: unha perspectiva global (India e Galiza)”.

Así, suliñou que as linguas reflicten o núcleo cultural das comunidades que as falan e o desprazamento dun idioma é, recalcou, “indiscutiblemente o primeiro paso cara á súa desaparición”. Por iso, salientou que os sistemas educativos e os medios de comunicación e, por encima de todo, a familia, “xogan un papel moi importante nos procesos de asimilación lingüística”.

Deste xeito, a exclusión das linguas minoritarias da educación formal “incide directamente na perda da diversidade lingüística”, dixo. Por iso, durante a súa intervención referiuse á situación das linguas minoritarias nunha sociedade plurilingüe como a da India e Galicia e destacou a importancia que, en ambas as dúas sociedades, teñen fenómenos como o “cambio do idioma”, a “desaparición” ou extinción das linguas e o papel o que xogan as escolas infantís no “mantemento/revitalización das linguas”.


Modelos concretos: Proxecto Burela e Avoaescola

Pola súa banda, o profesor de lingua e literatura galega no instituto “O Perdouro”, en Burela, e impulsor do Proxecto Burela e Neo de normalización e extensión da lingua galega, expuxo os resultados do Modelo Burela, que agora cumpre dez anos (2004-2014) e que se converteu na iniciativa máis pragmática de todas as que se viñeron aplicando en Galicia. Ademais foi recoñecida por parte de entidades como a Secretaría Xeral de Política Lingüística; a Asociación de Funcionarios; ou da CTNL.

Penabade entregou á Avoaescola copias dos materiais xerados pola posta en práctica do Modelo Lingüístico Aglutinante na localidade de Burela. “Poden ter utilidade tanto para axudar a levantar esta nova escola como para a dotar da estabilidade que lle permita manterse no tempo”, dixo na súa intervención.

 

Finalmente, Francisco López, presidente de Galiza co Galego asociación que da apoio económico e social a proxectos de educación infantil en galego, agradeceu todos o seu apoio e falou da experiencia da Avoaescola Ferrolterra, un proxecto educativo en galego, que tamén coordina, e que neste momento abrangue ate os 3 anos.

Explicou que a razón de Avoaescola surxe da determinación das persoas socias de Galiza co Galego de facilitar o uso do dereito á educación en galego. Unha Cooperativa baixo a forma de “consumo”, na que pode participar toda a sociedade, familias, educadores/as, entidades,... e que permite pór en marcha unha escola “infantil” sen agardar por trámites, ou recursos...

“Unha en galego cunha pedagoxía que parte da indagación e da investigación-acción, cunha metodoloxía activa, participativa e colaborativa, en busca da consecución da autonomía dos nenos/as, fomentando valores como a igualdade, a solidariedade, a empatía, o respecto, a coeducación, a tolerancia e o coidado do medio ambiente”, indicou.

Xurxo Salgado, director do xornal dixital Galicia Confidencial - con máis de 10 anos en internet - moderou o debate.