Hosting pola empresa galega dinahosting

Galiza co Galego - Asembleas de Galiza co Galego e da Cooperativa de Ensino Popular

Menu


Asembleas de Galiza co Galego e da Cooperativa de Ensino Popular

Na asemblea do 30 de xuño de Galiza co Galego, deuse conta da legalización dos estatutos, das contas e das novas altas de socios/as; debatéronse os traballos desenvolvidos para a creación da Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola”; falouse da organización dos cursos de cooperativismo e da conveniencia de realizar campañas informativas.

Acordouse a sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Pedagóxica Nova Escola Galega que consiste na difusión das actividades, publicacións e propostas pedagóxicas de NEG dentro da Rede de Ensino Popular e, por parte de Nova Escola Galega, formar parte da comisión pedagóxica da asociación Galiza co Galego e prestarlle asesoramento pedagóxico.

Ambas as asociacións compartimos os obxectivos dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega. Dende 1983 a Asociación Pedagóxica Nova Escola Galega vén impulsando o traballo de renovación pedagóxica, de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galicia e tamén loitando na defensa do idioma. Como recoñecemento da súa traxectoria de preto de 30 anos, recibiu este maio pasado, de parte do Padroado da Fundación Pedrón de Ouro, o “Pedrón de Ouro 2012”.

As persoas asociadas (de GcG e NEG) serán beneficiarias das actividades tanto das que desenvolvan cada unha delas como daqueloutras organizadas conxuntamente.

Na asemblea constitutiva da CEPA aprobáronse os estatutos da Cooperativa e elixiuse o primeiro Consello Reitor, no que a presidencia, vicepresidencia e secretaría recaeron en Francisco López -tamén presidente de Galiza co Galego-, Nieves Taboada e Héctor Iglesias respectivamente; e como suplentes Alfonso Boullosa e Sabela Buján.

Para os promotores é de grande importancia que o sistema educativo desenvolvido por “Avoaescola” sexa innovador, inclusivo, respectuoso, formador de persoas independentes, críticas e capaces.

Dentro do debate viuse a falta de información que a sociedade ten sobre accións cooperativas no ámbito do ensino, concordando na necesidade de que “Avoaescola e Galiza co Galego” realicen unha campaña divulgativa nas entidades sociais e mesmo na universidade.

Dado que os traballos iniciais de “Avoaescola” e Galiza co Galego son coincidentes e complementarios, decidiuse organizar un grupo de traballo conxunto conformado por quen está a participar nos labores de dirección.