Hosting pola empresa galega dinahosting

Galiza co Galego - Estatutos Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola

Menu


Estatutos Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola

ESTATUTOS DA AVOAESCOLA SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA

CAPÍTULO I: DENOMINACIÓN, DOMICILIO, ÁMBITO, ACTIVIDADE  E DURACIÓN

ARTIGO 1.- DENOMINACIÓN RÉXIME LEGAL

Coa denominación "Avoaescola SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA", constitúese unha sociedade cooperativa de consumidores/as e usuarios/as, dotada de plena personalidade xurídica e suxeita ás disposicións  estabelecidas pola Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de Cooperativas de Galicia (DOG 3 de xaneiro do 2012).

ARTIGO 2.- DOMICILIO SOCIAL

1.- O domicilio social da cooperativa estabelécese na rúa Venezuela, número 33-B, código postal 15404 do municipio de Ferrol, da provincia da Coruña.

2.- O domicilio social poderá ser trasladado dentro do mesmo termo municipal por acordo do consello reitor. Para o traslado do domicilio social fóra do termino municipal, será necesario o acordo da Asemblea Xeral.

ARTIGO 3.- ÁMBITO TERRITORIAL

O ámbito territorial da actividade cooperativizada  desenvolverase con carácter principal en Galiza, con  independencia de que poida ser realizada tamén no resto do Estado Español e sen prexuízo de que se poidan levar actuacións puntuais e de colaboración a calquera parte do mundo.

ARTIGO 4.- ACTIVIDADE ECONÓMICA

1.- A cooperativa terá por obxecto a procura de bens e servizos para o consumo das persoas socias e dos familiares que con elas convivan, producindo os bens e servizos que proporcionen ou adquiríndoos de terceiros, así como a defensa e promoción dos dereitos dos consumidores e usuarios.

En concreto, as actividades que desenvolverá a cooperativa para o cumprimento do seu obxecto social son:

2.- Dar escola coas seguintes características:

2.1.- Democrática, participativa e popular, cun ideario laico e pluralista.

2.2.- Que garanta o uso da lingua galega como lingua vehicular do ensino e do normal desenvolvemento no ámbito de actuación.

2.3.- Que fomente a aplicación dos métodos e medios pedagóxicos e científicos necesarios  para conseguir un ensino de calidade, na procura da excelencia, pondo especial atención na formación íntegra e solidaria e no respecto dos dereitos humanos e do medio.

2.4.- Que aplique a didáctica comparada das linguas romances: francés, italiano, galego, castelán, catalán, portugués... de xeito que se obteña a competencia lingüística dende o punto de vista da comunicación oral e escrita nunha delas, amais do castelán, do galego e do portugués; e noutras, a competencia na utilización dos recursos para lograr a súa comprensión escrita e afondar no seu estudo.

2.5.- Que promova o estudo doutra lingua diferente das romances, por exemplo: o inglés, o alemán, o ruso, o chinés... que permita conseguir unha competencia lingüística suficiente nunha delas, ademais de procurar nocións de lingua vasca (éuscaro), como outra lingua do Estado Español.

2.6.- Que fomente e participe , no seu caso, dunha  Rede de Ensino Popular (REP), para ensinar en galego e ser universal, laica e pluralista; e contribuír á formación, así como ao seu perfeccionamento e actualización pedagóxica.

2.7.- Que procure os recursos necesarios para poder dar escola en galego e poñelos á disposición de quen os necesite, e axudarlles a conseguir ás familias os medios precisos.

2.8.-  Que a subministración de bens e servizos da cooperativa aos seus socios terá a consideración de operación societaria interna, resultando a mesma cooperativa así como os seus socios/as, para todos os efectos, como consumidores directos.

ARTIGO 5.- OPERACIÓNS CON TERCEIROS

1.- A Cooperativa poderá realizar actividades cooperativizadas con terceiros non socios/as, dentro do ámbito estatutario da cooperativa, ata o límite máximo do 50 por 100 das súas operacións cos socios/as, se ben deberá reflectir esta circunstancia na súa contabilidade de forma separada e independente e de maneira clara e inequívoca, sen prexuízo da contabilidade xeral da cooperativa.

2.- Os beneficios obtidos por estas operacións imputaranse na súa totalidade ao  Fondo de Reserva Obrigatorio.

ARTIGO 6.- DURACIÓN

A cooperativa constitúese por tempo ilimitado.

CAPÍTULO II: DOS SOCIOS/AS

ARTIGO 7.- PERSOAS QUE PODEN SER SOCIAS

1.-Poderán ser socias as persoas físicas e xurídicas e as entidades ou organizacións de consumidores que teñan     o carácter de destinatarios finais.

2.-Poderán ser socias de traballo as persoas naturais con capacidade legal e física para desenvolver a actividade cooperativizada de prestación do seu traballo persoal na cooperativa.

ARTIGO 8.-  DAS PERSOAS SOCIAS

1.- PERSOAS SOCIAS
1. 1) As  persoas promotoras da Cooperativa que adquiren a condición de persoas socias  no momento da súa constitución:

a) A asociación Galiza co Galego, que subscribirá a  achega obrigatoria na contía fixada estatutariamente.

b) Aquelas persoas que subscriban a achega obrigatoria  fixada estatutariamente.

c) Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente, sen xusta causa que  a cualifique de xustificada, ata transcorridos 12 meses.

1.2) Para aquelas persoas que con posterioridade a constitución da cooperativa queiran adquirir a condición de persoas socias será necesario:

a) Subscribir a achega obrigatoria para se asociar na cuantía fixada estatutariamente.
b) Subscribir o compromiso de non darse de baixa voluntariamente, sen xusta causa que a cualifique de xustificada, ata transcorridos 12 meses.
c) Desembolsar a cota de ingreso conforme o estabelecido nestes estatutos

2.1- TIPOLOXIA DE PERSOAS SOCIAS:

2.1.1- PERSOAS SOCIAS COLABORADORAS
Poderán ser persoas socia da cooperativa, en calidade de persoa socia colaboradora, aquelas persoas físicas ou  xurídicas, públicas ou privadas que, sen poder realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poidan colaborar na súa consecución.

2.1.2- PERSOAS SOCIAS DE TRABALLO
Son aquelas persoas físicas que se comprometen a prestar seu traballo persoal na cooperativa.

2.1.3-PERSOAS SOCIAS USUARIAS- BENEFICIARIAS
Son aquelas persoas que se benefician directamente, como consumidoras e usuarias, do obxecto social da cooperativa.

ARTIGO 9.- PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN EN CALIDADE DE  PERSOA SOCIA

1.- A solicitude de admisión realizarase por escrito dirixido ao consello reitor da cooperativa, que a deberá resolver motivadamente nun prazo non superior a dous meses, contados dende o día seguinte á recepción daquela. A resolución comunicarase ao solicitante e publicarase no taboleiro de anuncios da cooperativa. Transcorrido o prazo mencionado sen resolución expresa, a solicitude entenderase denegada.

2.- Contra a denegación de admisión o solicitante poderá recorrer ante a Asemblea Xeral, no prazo dun mes, contado dende a comunicación ou dende  o remate do prazo que o consello reitor dispón para resolver. O dito recurso resolverase na primeira Asemblea Xeral que se celebre, mediante votación secreta, previa audiencia da persoa interesada.

3.- O acordo de admisión tamén poderá ser impugnado polas persoas socias que representen como mínimo o 20% da masa social, no prazo de 10 días contados dende a comunicación do acordo nos medios de publicidade estabelecidos pola sociedade, ante a Asemblea Xeral, que resolverá na primeira que se celebre, por votación secreta, previa audiencia da persoa interesada.
Ata que transcorra o prazo para recorrer ou ata que resolva a Asemblea Xeral sobre o recurso interposto, a admisión quedará en suspenso.

ARTIGO 10- SOCIOS DE TRABALLO EN SITUACIÓN DE PROBA

1.- A admisión dunha persoa socia de traballo polo órgano de administración estará suxeita a un período de proba.

2.- O período de proba será de seis meses. Transcorrido o dito prazo sen denuncia previa por ningunha das partes, a persoa socia, previo desembolso da achega obrigatoria que lle corresponda e, de ser o caso, da cota de ingreso, adquirirá a condición de persoa socia de traballo indefinida con todos os dereitos e obrigas inherentes a ela.

En todo caso, o período de proba poderá reducirse ou suprimirse por mutuo acordo entre o consello reitor e a nova persoa socia de traballo.

3.- A persoa socia de traballo, durante o período en que se atope en situación de proba, ten os mesmos dereitos e obrigas derivadas da súa condición de socio de traballo, coas seguintes excepcións:

a) Poden resolver a relación de forma unilateral. A mesma facultade recoñéceselle ao órgano de administración.

b) Non poden realizar achegas ao capital social nin satisfacer ningún tipo de cotas.

c) Non responden das perdas sociais.

d) Non poden ser electores nin elixíbeis para ocupar cargos nos órganos sociais.

4.- Non procederá o período de proba no caso de que a nova persoa socia leve na cooperativa como traballador por conta allea, como mínimo, o tempo que corresponda ao dito período. Se procedese o período de proba e se resolvese a relación por decisión unilateral de calquera das partes, entenderase renovada a relación xurídico laboral nas condicións existentes ao inicio daquel.

ARTIGO 11- DEREITOS DAS PERSOAS SOCIAS

A persoa socia ten dereito a:

1) A ser elector e elixíbel para os cargos dos órganos sociais da cooperativa.

2) A formular propostas e participar con voz e co seu voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais dos que forme parte.

3) A participar na actividade da cooperativa para o cumprimento do seu fin social, sen ningunha discriminación.

4) A recibir a información,  necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, coa obrigatoriedade de subscribir un compromiso de confidencialidade para quen acceda aos libros sociais segundo indica o Art. 23 da Lei de cooperativas de Galicia na súa modificación feita pola Lei 14/2011 de 16 de decembro.

5) No caso de persoa socia de traballo a prestar o seu traballo persoal na cooperativa, así como a percibir periodicamente nun prazo non superior a un mes, o anticipo societario en cuantía similar ás retribucións da zona e do sector de actividade, segundo a súa categoría profesional. En ningún caso este anticipo poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional en cómputo anual, nin superior ao 150%  do estabelecido no convenio colectivo de aplicación en relación coa súa categoría laboral e tendo en conta a xornada laboral realizada dentro da legalidade vixente.

6) Á actualización e devolución das achegas ao capital social, así como a percibir, cando proceda, os intereses que estas xeren.

7) Ao dereito de información nos termos estabelecidos na Lei de cooperativas de Galicia 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro.

8) A todos os demais dereitos que lles outorguen as normas legais e estatutarias ou os acordos validamente adoptados polos órganos sociais.

9) Os dereitos exerceranse de conformidade coas normas legais e estatutarias e os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

10) Dereito a voto conforme as distintas persoas socias.
En relación coas votacións que acontezan no marco das asembleas xerais establecese que o conxunto total de votos das persoas socias colaboradoras, socias de traballo a proba non superará en máis dun terzo os votos das persoas socias usuarias-beneficiarias e de traballo da cooperativa.

ARTIGO 12.- OBRIGAS DAS PERSOAS SOCIAS

As persoas socias están obrigadas a:

a) Asistir ás reunións da Asemblea Xeral e dos demais órganos para os que fose convocado.

b) Cumprir os deberes legais e estatutarios así como os acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

c) Participar na actividade cooperativizada que desenvolve o obxecto social da     cooperativa, na seguinte contía mínima obrigatoria:

c.1.-No caso de persoas socias usuarias veranse obrigados a consumir ou usar na cooperativa bens ou servizos por un importe mínimo de 10 euros anuais.

c.2.-No caso das persoas socias de traballo deberán participar na actividade cooperativizada que desenvolve a cooperativa, mediante o seu traballo persoal durante as horas e días do calendario laboral que fixe a Asemblea Xeral.

d) Non realizar actividades competitivas coas desenvoltas pola cooperativa, salvo autorización expresa do consello reitor.

e) Gardar segredo sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa dos que a divulgación poida prexudicar os intereses desta. Estabelecese a obrigatoriedade de subscribir un compromiso de confidencialidade para quen acceda aos libros sociais.

f) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións previstas.

g) Participar nas actividades de formación.

h) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos, salvo xusta causa.

ARTIGO 13.- BAIXA DA PERSOAS SOCIAS

1.- As persoas socias poderán darse de baixa voluntariamente na cooperativa en calquera momento, mediante previo aviso por escrito dirixido ao consello reitor que deberá realizarse cunha antelación de un mes.

O incumprimento do prazo de previo aviso  estabelecerá dita baixa como inxustificada e dará lugar á correspondente indemnización de danos e prexuízos, salvo que o consello reitor á  vista das circunstancias que a motivan a considere como xustificada. Entenderase producida a baixa, a efectos do cómputo do prazo para o reembolso á  persoa socia das súas achegas ao capital social, ao remate do prazo de previo aviso.

2.- Se a baixa entrañase o incumprimento do prazo de permanencia estabelecido nestes estatutos, sen xusta causa que  cualifique a mesma de xustificada, a cooperativa poderá esixir ao socio participar nos termos nos que vén obrigado estatutariamente, ata o final do período comprometido nas actividades ou servizos cooperativizados ou, no seu defecto, a esixirlle a correspondente indemnización de danos e prexuízos.

3.- Tanto no suposto de incumprimento do prazo de preaviso como do período de permanencia comprometido, aplicarase unha penalización do 10% de incremento do importe resultante de aplicar as deducións sobre todas as cantidades reembolsables que, no seu caso, lle puideran corresponder, contempladas para o suposto de baixa non  xustificada no artigo 44  destes estatutos. Todo isto sen prexuízo do dereito da cooperativa a ser resarcida dos danos e perdas causados.

4.- Cesarán obrigatoriamente as persoas socias de traballo que perdan os requisitos esixidos para adquirir tal condición.

No suposto de  perda definitiva dos requisitos para ser persoa socia de traballo na cooperativa, a baixa operará automaticamente sen necesidade de resolución expresa ao respecto por parte do órgano de goberno, con independencia da obriga deste órgano de resolver no prazo de tres meses desde que tivese coñecemento sobre os efectos da baixa e dos recursos que corresponden á persoa socia de traballo con respecto ao acordo que se adopte a tal efecto. Se a persoa socia de traballo incursa neste suposto de cese automático ostentara algún cargo en calquera dos órganos sociais da cooperativa, cesará automaticamente a todos os efectos neste, sen necesidade de pronunciamento por parte da cooperativa. O cargo vacante haberá de cubrirse segundo o establecido nestes Estatutos e no artigo 45 da Lei de Cooperativas de Galicia 5/1998 modificada pola Lei 14/2011 de 16 de Decembro.

A baixa obrigatoria será acordada polo consello reitor de oficio ou a petición de calquera persoa  socia ou da persoa socia interesada, previa audiencia da mesma.

5.- Terán a consideración de xustificadas as baixas que teñan a súa orixe nas seguintes causas:
a) A adopción de acordos pola asemblea xeral que impliquen obrigas ou cargas gravemente onerosas, non previstas estatutariamente, se a persoa socia salvase expresamente o seu voto ou, estando ausente, manifeste a súa desconformidade por escrito dirixido ao órgano de administración da cooperativa, no prazo de dous meses desde a adopción do acordo. En ambos os dous casos deberá  formalizar a súa solicitude de baixa dentro do mes seguinte á data de realización da asemblea ou da presentación do devandito escrito.

b) En todos os demais supostos previstos nesta lei ou nos estatutos.

6.- Os acordos do consello reitor sobre a cualificación e efectos da baixa poderán ser impugnados ante a xurisdición ordinaria, podendo ser recorridos previamente ante a Asemblea Xeral no prazo máximo de dous meses dende a notificación do acordo.

ARTIGO 14.- NORMAS DE DISCIPLINA SOCIAL

1.- As persoas socias unicamente poderán ser  sancionadas polas faltas previamente tipificadas. As faltas cometidas clasifícanse en moi graves, graves e leves, atendendo a súa importancia, transcendencia ou malicia. As moi graves e graves son as tipificadas nos presentes estatutos. As faltas leves, ademais das recollidas nos estatutos, poderán ser tipificadas tamén polo Regulamento de Réxime Interno ou por acordo da Asemblea Xeral.

Soamente poderán impoñerse ás persoas socias as sancións que, para cada tipo de faltas, están estabelecidas nestes Estatutos.

2.- A tipificación das faltas agrúpase en dous bloques: faltas de carácter societario e faltas de carácter laboral.

3.- As faltas de carácter societario clasifícanse en moi graves, graves e leves.

3.1.- Son faltas moi graves de carácter societario:

a) As operacións de competencia, a fraude nas achegas ao capital social, así como a manifesta desconsideración ás persoas que formen parte dos órganos sociais ou coas persoas socias, que prexudique os intereses materiais e sociais ou o prestixio da cooperativa.

b) A falsificación de documentos, firmas, cuños, selos, marcas, claves ou análogos.

c) A non participación na actividade cooperativizada na contía mínima estabelecida nos presentes estatutos.

d) A violación de segredos da cooperativa que prexudiquen ou poidan prexudicar gravemente os intereses desta.

e) A usurpación de funcións do consello reitor, ou de calquera persoa que forme parte dun órgano de dirección.

f) O incumprimento das obrigas económicas coa cooperativa, incluíndo o impago das achegas obrigatorias ao capital social.

g) Prevalerse da condición de persoa socia  para desenvolver actividades contrarias ás leis.

h)Ter sido sancionado durante os últimos cinco anos por dúas faltas graves.

3.2.- Son faltas graves de carácter societario:

a) A falta de asistencia inxustificada ás asembleas xerais debida e validamente convocadas, cando a persoa socia teña sido sancionada dúas veces por falta leve por non asistir ás reunións de tal órgano social nos últimos cinco anos. Así mesmo, a non asistenciadas persoas que forman calquera dos restantes órganos sociais da cooperativa, cos mesmos requisitos que no caso anterior.

b) A falta de asistencia inxustificada ás reunións dos órganos sociais, debidamente convocadas, para as que fora convocada aínda que non forme parte dos mesmos , cando a persoa socia  fora sancionada dúas veces por falta leve por non ter acudido a tales convocatorias.

c) Os malos tratos de palabra ou de obra aos membros de calquera órgano social, a outros socios ou á dirección e empregadas ou empregados da cooperativa.

d) Non aceptar ou renunciar, sen causa xusta, aos cargos para os que fora a persoa elixida pola Asemblea Xeral.

e) Ter sido a persoa socia sancionada por tres faltas leves durante os últimos cinco anos.

3.3.- Son faltas leves de carácter societario:

a) A falta de asistencia non xustificada ás reunións validamente convocadas da Asemblea Xeral.

b) A falta de asistencia non xustificada ás reunións dos órganos sociais para os que fora a persoa socia debidamente convocada, aínda que non forme parte destes.

c) A falta de asistencia non xustificada das persoas socias que forman parte dos órganos sociais a aquelas reunións debidamente convocadas das que forme parte.

d) A falta de notificación ao consello reitor do cambio de domicilio da persoa socia, dentro dos dous meses seguintes dende que tal circunstancia se produza.

e) Non observar as instrucións ditadas polos órganos competentes para a boa orde e desenvolvemento das operacións e actividades da cooperativa.

4.- As faltas de carácter laboral clasifícanse en moi graves, graves e leves.

4.1.- Son faltas moi graves de carácter laboral:

a) A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conduta constitutiva de delito.

b) A manifesta insubordinación individual ou colectiva, incluída a agresión verbal e física.

c) O falseamento voluntario de datos e información do servizo.

d) A falta de asistencia ao traballo non xustificada durante máis de tres días ao mes.

e) As faltas reiteradas de puntualidade non xustificada, durante dez días ou máis ao mes, ou durante máis de vinte días ao trimestre.

f) A ocultación de datos relevantes respecto dos útiles, ferramentas, proceso productivo ou servizos.

4.2.- Son faltas graves de carácter laboral:

1) Os malos tratos de palabra ou de obra a outras persoas socias traballadoras ou a persoal asalariado da cooperativa con ocasión da prestación do traballo.

2) A falta de disciplina no traballo ou de respecto aos administradores.

3) O incumprimento das ordes e instrucións do consello reitor e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servizo.

4) A desconsideración co público no exercicio do traballo.

5) O incumprimento das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo estabelecidas, cando disto poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física da persoa socia, doutras persoas socias ou do da persoa socia   traballadora, doutras  persoas  socias traballadoras ou do persoal asalariado.

6) A falta de asistencia no traballo sen causa xustificada durante tres días ao mes.

7) As faltas repetidas de puntualidade inxustificada durante máis de cinco días ao mes.

8) O abandono do traballo sen causa xustificada.

9) A simulación de enfermidade ou accidente.

10) A diminución continua e voluntaria no rendemento normal do traballo.

11) A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo na cooperativa.

4.3.- Son faltas leves de carácter laboral:

a) A incorrección leve co público, con outras persoas socias ou persoal asalariado da cooperativa.

b) O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

c) Non comunicar coa debida antelación a falta de asistencia ao traballo por causa xustificada, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

d) A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada durante un ou dous días ao mes.

e) As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada, un ou dous días ao mes.

f) As faltas que se tipifiquen no regulamento interno, ou por acordo da  Asemblea Xeral.

ARTIGO 15.- SANCIÓNS E PRESCRICIÓNS

1.- As sancións que se poderán impoñer as persoas socias pola comisión das faltas son:
- Por faltas moi graves: Multa de mil douscentos tres euros a  seis mil quince euros, suspensión as persoas socias dos seus dereitos, ou expulsión.
- Por faltas graves: Multa de trescentos euros a novecentos euros, ou suspensión ao socio dos seus dereitos.
- Por faltas leves: Amoestación verbal ou escrita, ou multa de sesenta euros a douscentos corenta euros.

2.- A sanción de suspender ás persoas socias nos seus dereitos só poderá ser imposta no suposto de que a persoa socia estea ao descuberto das súas obrigas económicas coa cooperativa ou non participe nas actividades cooperativizadas nos termos estabelecidos nestes estatutos.

A suspensión dos dereitos á persoa socia que finalizará no momento no que normalice a súa situación, non alcanzará o dereito de información nin o da asistencia á Asemblea con voz pero sen voto.

3.- As faltas reflectidas no número anterior prescribirán, se son leves, ao mes; se son graves, aos dous meses; e, se son moi graves, aos tres meses, contados dende que o consello reitor tivo coñecemento da súa comisión. En todo caso, prescribirán aos doce meses da data da súa comisión.

ARTIGO 16.- ORGANO SANCIONADOR E PROCEDEMENTO

1.- A facultade sancionadora é competencia indelegábel do consello reitor, mediante expediente instruído ao efecto e audiencia do interesado, que formalizará as súas alegacións por escrito.

2.- Respecto do procedemento para sancionar as faltas de carácter societario o consello reitor é o encargado da incoación do oportuno expediente, así como de acordar a sanción que corresponda, previa audiencia da persoa interesada, quen poderá formular as súas alegacións por escrito.

Se o Consello Reitor acordase impor a sanción, e sen prexuízo do carácter executivo deste acordo, a persoa socia poderá recorrer no prazo de trinta días desde a súa notificación, ante a Asemblea Xeral. Esta deberá incluír o recurso como primeiro punto da orde do día na primeira que se realice, e resolverá mediante votación secreta, previa audiencia da persoa interesada, quen poderá formalizala mediante as súas alegacións por escrito.

O acordo de sanción e, se é o caso, a ratificación del, poderá ser impugnado no prazo de dous meses desde a súa notificación, ante a xurisdición ordinaria, pola canle procesual estabelecida  no artigo 40 da Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de Cooperativas de Galicia

3.- O procedemento para sancionar as faltas de carácter laboral iniciarase mediante a incoación do oportuno expediente sancionador polo consello reitor, que será competente para acordar a sanción, previa audiencia da persoa interesada.

O acordo de sanción poderá impugnarse ante a Asemblea Xeral no prazo de quince días desde a súa notificación. A Asemblea Xeral resolverá no prazo de dous meses por votación secreta, e previa a audiencia da persoa interesada.

Desde que o acordo sexa executivo poderá instarse á súa revisión ante a xurisdición da orde social, que tamén resolverá sobre a transcendencia económica derivada do período de tramitación.
Se non recaese resolución expresa nos prazos estabelecidos, os recursos interpostos entenderanse estimados.

ARTIGO 17- EXPULSIÓN

1.- A sanción de expulsión só poderá ser acordada polo consello reitor por falta moi grave tipificada nos estatutos sociais, mediante expediente instruído ao efecto e con audiencia da persoa interesada, que formalizará as súas alegacións por escrito.

2.- Cando a causa de expulsión sexa o encontrarse a persoa socia en descuberto das súas obrigas económicas, non operarán os prazos de prescrición estabelecidos no artigo anterior, podendo acordarse a expulsión en calquera momento, salvo que a persoa socia regularice a súa situación durante a tramitación do expediente.

3.- O procedemento sancionador axustarase ao estabelecido no artigo anterior se ben o acordo de expulsión será executivo dende que sexa notificada a súa ratificación pola Asemblea Xeral, ou transcorra o prazo para recorrer ante tal órgano. Non obstante, a cooperativa poderá suspender a persoa socia no seu emprego, de ser o caso, conservando este todos os seus dereitos económicos.

4.- Desde que os acordos de expulsión por faltas de carácter laboral sexan executivos, poderá instarse á súa revisión ante a xurisdición da orde social, que tamén resolverá sobre a transcendencia económica derivada do período de tramitación.

5.- Os acordos de expulsión por faltas de carácter societario poderán ser impugnados pola vía procesual estabelecida no artigo 40 da Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de cooperativas de Galicia.

ARTIGO 18.- DAS PERSOAS SOCIAS DE TRABALLO

1.-Ás persoas socias de traballo da cooperativa  resultaranlle de aplicación as normas establecidas na Lei de cooperativas de Galicia para as persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado. A efectos de seguridade social serán, en todo caso, asimilados a persoas traballadoras por conta allea.

2.- O Regulamento de réxime interno regulará a organización básica do traballo que fará referencia á estrutura da empresa, clasificación profesional, mobilidade funcional e xeográfica,  licenzas retribuídas e excedencias. A asemblea xeral aprobará anualmente o calendario sociolaboral, que conterá, como mínimo, a duración da xornada de traballo, o descanso mínimo entre cada xornada e o descanso semanal, as festas e as vacacións anuais e as pausas das persoas socias de traballo, respectando as normas contidas no artigo 107 da Lei de cooperativas de Galicia.

3.- Os delegados ou delegadas de prevención serán elixidos polas persoas socias de traballo da cooperativa e de entre elas. En caso de existir persoas asalariadas na cooperativa, a designación realizarase conxuntamente por ambos os colectivos. Existirá como mínimo un delegado ou delegada de prevención, incrementándose este número nos termos previstos na devandita lei.

4.- O réxime de prestación de traballo posibilitará entre as persoas socias da cooperativa, a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes, e adoptará medidas que favorezan ás socias da cooperativa vítimas de violencia de xénero, en cumprimento das previsións establecidas na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro.

5.- Cando se produzan causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior que así o  fagan necesario, poderase suspender temporalmente a prestación de traballo, coa perda dos dereitos e das obrigas económicas da dita prestación, conservando o resto. A asemblea xeral deberá declarar a causa, a necesidade e o tempo de suspensión, designando nominalmente as persoas socias afectadas. Ao cesar a causa, a persoa socia recobrará plenamente todos os seus dereitos e obrigas.

6.- Cando a causa ou as causas obriguen a reducir con carácter definitivo o número de postos de traballo, seguirase o mesmo procedemento indicado no apartado anterior, cualificándose a baixa como xustificada, con dereito ao reembolso inmediato á persoa socia da súa achega ao capital social e con dereito preferente ao reingreso no prazo dos tres anos seguintes á baixa.

7.- As persoas socias de traballo terán dereito a un período de excedencia nos termos fixados polo regulamento de réxime interno ou por acordo da asemblea xeral, que non poderá ser superior a seis meses cando supoñan deixar a cooperativa cun número de persoas socias inferior a tres.
Os socios e socias en excedencia pasaran á situación prevista para as persoas socias excedentes, coa particularidade de que estarán obrigados a realizar novas achegas ao capital social.
No caso de excedencia forzosa, teñen dereito á reserva do seu posto de traballo, e a súa incorporación producirase nun prazo non superior a un mes dende o cesamento da causa que a motivou.

8.- As persoas en período de excedencia rexeranse, ademais, polas seguintes normas:
a) Teñen dereito ao reembolso das súas achegas nas mesmas condicións e prazos que para o resto dos socios e socias.
b) Non poderán formar parte dos órganos sociais, pero poderán participar na asemblea xeral, con voz e voto.

ARTIGO 19.- PERSOA SOCIA COLABORADORA

1.- Poderán ser persoas socias da cooperativa, como persoa socia colaboradora, aquelas persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que, sen poder realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poidan colaborar na súa consecución.

Poderán pasar a ter a condición de persoa socia colaboradora  aquelas persoas socias usuarias-beneficiarias que por causa xustificada non realicen a actividade que motivou o seu ingreso na cooperativa, e que o poñan en coñecemento da comisión reitora.
Cando a persoa socia colaboradora puidera realizar plenamente o obxecto social da cooperativa, poderá pasar a ser persoa socia beneficiaria, previa comunicación ao concello reitor, sendo de aplicación  todos os dereitos e obrigas inherentes a ela.

2.- A achega obrigatoria mínima para ser persoa socia colaboradora  será de 10 euros, e a máxima, a que acorde a Asemblea Xeral. Esta achega deberá desembolsarse na súa totalidade para adquirir a condición de socio.

3.- Os requisitos para adquirir a condición de socio colaborador serán os estabelecidos no artigo 8 apartado 2 destes estatutos.

4.- As persoas socias colaboradoras da cooperativa teñen os seguintes dereitos:

a) Ser elector e elixible para os cargos dos órganos sociais da Sociedade, agás dos cargos do consello reitor como presidencia e vicepresidencia.

b) Presentar propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos nas reunións dos órganos sociais das que sexa membro.

c) A recibir a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

d) Á actualización e devolución das achegas ao capital social.

e) As persoas socias colaboradoras que achegaran exclusivamente capital, non percibirán remuneración ningunha por este feito.

f) Ao dereito de información nos termos estabelecidos no artigo 23 da Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro de cooperativas de Galicia

g) A todos os demais dereitos estabelecidos nas leis, estes estatutos sociais ou polos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

5.- As persoas socias colaboradoras teñen as seguintes obrigacións:

a) Asistir ás reunións da Asemblea Xeral e dos demais órganos para os que fosen convocados.

b) Non realizar actividades competitivas coas propias desenvoltas pola cooperativa salvo autorización expresa do consello reitor.

c) Gardar segredo sobre aqueles asuntos e datos da cooperativa que coa súa divulgación poidan prexudicar os intereses desta.

d) Desembolsar as súas achegas ao capital social nas condicións estabelecidas nos presentes estatutos. Así como desembolsar as cotas de ingreso acordadas, de ser o caso, pola Asemblea Xeral.

e) Aceptar os cargos para os que fosen elixidos, salvo xusta causa de escusa.

f) Cumprir con calquera outro deber legal ou estatutario, así como cos acordos validamente adoptados polos órganos sociais da cooperativa.

6.- O réxime de baixa será o estabelecido no artigo 13 destes estatutos.

7.- Ser elixidas para a secretaría ou unha vogalía no consello reitor.

9.- Tamén poderán ser socias colaboradoras aquelas cooperativas coas que se subscriba un acordo de colaboración intercooperativo.

10.- As persoas socias colaboradoras non poderán desenvolver actividades cooperativizadas en competencia coas que desenvolva a cooperativa.

CAPÍTULO III: DOS ÓRGANOS SOCIAIS

ARTIGO 20- Órganos

Asemblea Xeral
Consello Reitor

SECCIÓN PRIMEIRA

Da Asemblea Xeral

ARTIGO 21- COMPOSICIÓN E CLASES

1.- A Asemblea Xeral, como órgano supremo de expresión da vontade social, é a reunión das persoas socias constituída co obxecto de deliberar sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordos sobre aqueles asuntos que, en virtude da Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de cooperativas de Galicia ou destes estatutos, sexan da súa competencia, vinculando as súas decisións adoptadas validamente a todos os membros da cooperativa.

2.- As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

3.- A Asemblea Xeral ordinaria ten por obxecto principal examinar a xestión social, aprobar, se procede, o plan empresarial e as contas anuais e resolver sobre a proposta de distribución de excedentes ou a imputación de perdas, e poderase incluír na orde do día da súa convocatoria calquera outro asunto propio da súa competencia. Todas as demais asembleas terán o carácter de extraordinarias.

ARTIGO 22.- COMPETENCIAS

1.- Corresponde en exclusiva á Asemblea Xeral a adopción dos seguintes acordos:

1.1) A aprobación do plan empresarial da cooperativa, presentado polo consello reitor que será o responsábel da súa xestión e execución.

1.,2) O nomeamento e revogación, mediante votación secreta, das persoas que forman o consello reitor, así como o exercicio da acción de responsabilidade contra  elas.

1.3) O exame da xestión social, a aprobación das contas anuais e a distribución de excedentes ou imputación de perdas.

1.4) O estabelecemento de novas achegas obrigatorias ou voluntarias, a fixación  dos intereses que lles puidesen corresponder, e a actualización destas.

1.5) A emisión de obrigas, títulos participativos ou outros tipos de participacións que puideran estabelecerse ou de calquera outro título admitido en dereito.

1.6) A aprobación ou modificación do regulamento de réxime interno da cooperativa.

1.7) O estabelecemento ou modificación das cotas de ingreso e periódicas.

1.8) A constitución de cooperativas de segundo grao e doutras formas de participación económica, así como a adhesión ou separación delas.

1.9)A modificación dos estatutos.

1.10) A fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da Sociedade.

1.11) A creación de seccións e a aprobación e modificación, se é o caso, dos seus regulamentos de réxime interno.

1.12) A cesión ou alienación da sociedade ou de parte dela, ou calquera outra decisión que supoña unha modificación substancial da estrutura económica, social, organizativa ou funcional dela.

1.13) Todos os demais acordos nos que así o estabeleza a Lei ou os estatutos.

2.- A Asemblea Xeral poderá debater sobre cantos asuntos sexan de interese para a cooperativa, sempre que consten na orde do día, pero unicamente poderá adoptar acordos obrigatorios en materias ou asuntos que a Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 decembro, de cooperativas de Galicia non considere competencia exclusiva doutros órganos sociais.

ARTIGO 23.- FORMA DA CONVOCATORIA

1. A asemblea xeral será convocada polo consello reitor, que fixará a orde do día da convocatoria.
Cando  un número de persoas socias que represente o 5% ou acade a cifra de 100 propoñan por escrito con antelación á convocatoria dunha asemblea xeral asuntos para introducir na orde do día desta, estes deberán ser incluídos polo órgano de administración na primeira que teña lugar. Non se poderán incorporar novos asuntos na orde do día unha vez convocada a asemblea.

2.- A Asemblea Xeral convocarase mediante anuncio exposto publicamente no domicilio social da cooperativa, en cada un dos centros nos que desenvolva a súa actividade, ou por outros medios que garanten a súa publicidade, así como por medio de carta ao domicilio da persoa socia.

A convocatoria farase pública cunha antelación mínima de 15 días no suposto de Asembleas ordinarias e de 10 días no de extraordinarias, e cun máximo de dous meses á data de celebración da Asemblea Xeral.

3.- A convocatoria indicará polo menos, a data, hora e lugar de reunión, en primeira e segunda convocatoria, sendo o intervalo entre unha e outra de media hora, e expresará con claridade, precisión e suficiente detalle os asuntos que compoñen a orde do día, así como a documentación relativa a ela, que poderá examinarse no domicilio social da cooperativa.

4. A asemblea xeral ordinaria será convocada dentro dos seis primeiros meses seguintes á data de pechamento do exercicio social. Se transcorre o dito prazo sen que tivese lugar a convocatoria, calquera persoa socia poderá requirir fidedignamente ao órgano de administración que proceda a efectuala. Se este non a convoca no prazo de quince días, contados desde a recepción do requirimento, calquera persoa socia poderá solicitala ao xulgado competente do domicilio social, que deberá convocala, designando quen a deba presidir. Neste caso producirase a destitución inmediata do consello reitor, e procederase á súa nova elección.
O prazo legal para convocar a asemblea xeral ordinaria poderá ser prorrogado pola autoridade da que depende o rexistro no que está inscrita a cooperativa, por solicitude motivada do consello reitor. En todo caso, a asemblea xeral, aínda convocada fóra de prazo, non perderá a súa condición de ordinaria.

5. A asemblea xeral extraordinaria convocarase en calquera momento por iniciativa propia do consello reitor,  ou por petición de persoas socias que representen polo menos o 20% do total de votos sociais ou 100 persoas socias, efectuada por medio dun requirimento fidedigno do consello reitor que inclúa a orde do día cos asuntos e coas propostas a debate. Se a asemblea xeral non for convocada no prazo de trinta días, contados desde a recepción da solicitude, calquera persoa socia poderá solicitar convocatoria xudicial conforme o previsto no número anterior.

ARTIGO 24.-CONSTITUCIÓN E FUNCIONAMENTO DA ASEMBLEA

1.- A Asemblea Xeral, salvo que teña o carácter de universal, celebrarase na localidade onde radica o domicilio social da cooperativa.
Poderase participar na Asemblea por medios telemáticos que garantan debidamente a identidade. Neste caso na convocatoria determinaranse os prazos, formas e modos de exercicio dos dereitos por aqueles que asistan  telematicamente á asemblea.

2.- A Asemblea quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes e representados a maioría dos votos sociais, e en segunda cando estean presentes  calquera que sexa o número de cooperativistas presentes ou representados.

3.- Presidirá a Asemblea Xeral a presidencia do consello reitor, e na súa ausencia a vicepresidencia do mesmo órgano, e en defecto de ambos os dous quen elixa a Asemblea Xeral de entre as persoas socias  presentes.

4.- A secretaría da Asemblea Xeral será quen exerza tal función no consello reitor, e no seu defecto quen acorde a Asemblea de entre as persoas socias presentes nela.

5.- Cando na orde do día figuren asuntos que afecten directamente a presidencia ou a secretaría da asemblea, esta verase obrigada a elixir de entre as persoas socias presentes as persoas que o substitúan en tal función.

6.- As votacións serán secretas nos supostos estabelecidos nos presentes estatutos ou na Lei, ademais naqueles en que, ante a solicitude de calquera persoa socia, o acorden mediante votación o 10 por 100 dos votos sociais presentes e representados na asemblea.

7.- Serán nulos os acordos sobre asuntos que non consten na orde do día, salvo o de convocar unha nova Asemblea Xeral, prorrogar a sesión, destituír ou revogar  calquera membro dos órganos sociais, conforme ao establecido na Lei, e acordar o exercicio da acción de responsabilidade contra os membros de tales órganos, así como solicitar auditoría externa da sociedade.

8.- A Asemblea Xeral ou o consello reitor poderá autorizar a asistencia sen dereito a voto, de persoas das que a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.

9.- O consello reitor poderá requirir a presenza de notario/a para que levante acta da Asemblea Xeral, que terá o carácter de acta única , e estará obrigado a facelo sempre que, con cinco días de antelación ao previsto para a súa celebración, o soliciten como mínimo o 10 por 100 dos socios ou 100 votos sociais. Os honorarios serán por conta da cooperativa.

En todo caso, calquera persoa socia poderá esixir a presenza de notario/a na asemblea para dar fe do que alí ocorra, e non terá outra eficacia que a derivada do propio instrumento público e os seus honorarios serán satisfeitos por quen requirise a súa presenza.

ARTIGO 25.- DEREITO DE VOTO NA ASEMBLEA

1.- Cada persoa socia ten dereito a un  voto.

2.- Cando a asemblea delibere e acorde sobre expedientes disciplinarios, a persoa socia afectada polo dito expediente deberá absterse de votar, así como para o caso de conflito de intereses entre a persoa socia e a cooperativa, dos relacionados no artigo 49 na Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de Cooperativas de Galicia.

3.- As persoas socias poderán facerse representar por outras persoas socias, autorizándoas por escrito autógrafo ou poder especial subscrito polo representado ou representada para cada asemblea, verificada tal representación polo presidente ou presidenta e o secretario ou secretaria da asemblea.
Ningunha persoa socia poderá ter máis de dúas representacións, ademais da súa.
As persoas socias poderán facerse representar na asemblea xeral polo seu cónxuxe ou polos seus parentes ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo por afinidade, con plena capacidade para obrar. A autorización axustarase ao previsto no punto anterior.
A representación conferida entenderase revogada se a persoa socia representada asiste á asemblea xeral para a que concedeu a representación.

ARTIGO 26.- ADOPCIÓN DE ACORDOS

1.- Os acordos, salvo nos supostos estabelecidos nestes estatutos ou na Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de Cooperativas de Galicia, serán adoptados por máis da metade dos votos validamente expresados, e non serán computábeis a estes efectos nin os votos en branco nin as abstencións.

A maioría dos 2/3, requirirase para acordar a imposición de novas achegas obrigatorias ao capital social e o estabelecemento ou modificación de cotas de ingreso ou periódicas.

2.- Requirirase a maioría de dous terzos dos votos presentes e representados para a adopción de acordos sobre modificación de estatutos, fusión, escisión, transformación, disolución e reactivación da sociedade.

3.- Os acordos adoptados pola asemblea producirán os efectos que lle son propios dende o momento da súa adopción.

ARTIGO 27.-IMPUGNACIÓN DE ACORDOS DA ASEMBLEA XERAL

1.- Poderanse impugnar os acordos da Asemblea Xeral que sexan contrarios a Lei; que se opoñan a estes estatutos; ou que, en beneficio de un, lesionen máis socios ou que lesionen os intereses da cooperativa (en beneficio de terceiros) segundo as normas estabelecidas na Lei 5/ 1998  modificada pola Lei 14/2011 de 16 decembro

2.- As persoas integrantes  do consello reitor e os interventores están obrigados a exercer as accións de impugnación contra os acordos sociais, cando sexan contrarios a lei ou se opoñan aos estatutos.

3.- Para o exercicio de accións de impugnación de acordos anulábeis están lexitimadas as persoas socias que asistiron á asemblea que fixesen constar na acta a súa oposición ao acordo adoptado ou o seu voto en contra deste , as persoas socias ausentes e os que fosen ilexitimamente privados de emitir o seu voto.

Para o exercicio de accións de impugnación de acordos nulos están  lexitimadas todas as persoas socias e os terceiros que acrediten interese lexítimo.

4.- A acción de impugnación de acordos nulos caducará polo transcurso dun ano, dende a data de adopción do acordo ou dende a súa inscrición no rexistro de cooperativas. A acción de impugnación de acordos anulábeis caducará transcorrido un mes, dende a súa adopción ou inscrición.

SECCIÓN SEGUNDA:

Do consello reitor

ARTIGO 28.- NATUREZA E COMPETENCIAS

1.- O consello reitor é o órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa, con suxeición á Lei, aos estatutos e á política xeral fixada pola Asemblea Xeral, sen prexuízo do estabelecido a este respecto no artigo 31, apartado 2, da Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de cooperativas de Galicia, exercendo, ademais, todas aquelas facultades que non lle estean reservadas por tal Lei ou polos estatutos a outro órgano social.

2.- O presidente da cooperativa será o presidente do consello reitor, e terá a representación legal daquela, sen prexuízo de incorrer en responsabilidade se a súa actuación non se axusta aos acordos da Asemblea Xeral ou do consello reitor.

3.- O consello reitor poderá nomear por maioría de dous terzos das persoas que o forman e de entre elas,  unha ou varias persoas conselleiras delegadas, persoas físicas, con facultades xerais referidas exclusivamente ao xiro e tráfico empresarial ordinario da cooperativa.
En ningún caso poderá ser obxecto de delegación a rendición de contas e a presentación do balance á Asemblea Xeral, así como aquelas outras facultades que con carácter de indelegábeis veña estabelecido polos estatutos ou pola lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011de cooperativas de Galicia.

O nomeamento e cese, así como as facultades conferidas, constarán na escritura pública e deberán inscribirse no Rexistro de cooperativas competente.

ARTIGO 29- COMPOSICIÓN

1.- O consello reitor componse dun mínimo de tres (3) nun máximo de sete (7)  membros, e dous suplentes.

2.- Os cargos do consello reitor son: presidencia, vicepresidencia, secretaria, e no seu caso primeiro/a     vogal, segundo/a vogal, terceiro/a vogal e cuarto/a vogal.

ARTIGO 30.- ELECCIÓN

1.- As persoas que forman parte  do consello reitor serán elixidas pola Asemblea Xeral de entre as persoas socias, en votación secreta, polo maior número de votos.

Se a elixida é unha persoa xurídica, esta deberá nomear a persoa física que, vinculada por calquera título a esta, a represente no cargo para o que fose designada para cada elección.

2.- Os primeiros cargos do consello reitor serán elixidos pola asemblea constitutiva.

3.- Os cargos do consello reitor serán elixidos, en reunión ao efecto polo propio consello, de entre as persoas que forman parte, nos quince días seguintes á elección dos seus membros na asemblea.

4.- As persoas socias procurarán no consello reitor unha representación equilibrada de mulleres e homes na súa composición.
Para tal obxecto, posibilitarase entre os membros deste órgano a compatibilidade e a conciliación do seu exercicio profesional pleno coas situacións de maternidade e paternidade e cos coidados de menores e persoas dependentes.

ARTIGO 31.- DURACIÓN, CESAMENTO E VACANTES

1.- As persoas que forman parte do consello elíxense por un período de 4 anos, e téñense que renovar na súa totalidade ao vencemento do prazo, coa posibilidade de  seren reelixidos.

2.- A renuncia das persoas concelleiras poderá ser aceptada polo consello reitor, así como pola Asemblea Xeral aínda que o asunto non conste na orde do día. As vacantes que se produzan no consello reitor entre asembleas  cubriranas as persoas suplentes, e  na primeira Asemblea Xeral que se celebre. No caso de que sexa a propia asemblea quen acepte o cese ou a renuncia, debe procederse a cubrir o cargo vacante no mesmo acto.

3.- A Asemblea Xeral poderá destituír dos seus cargos aos membros do consello reitor en calquera momento, aínda que o asunto non conste na orde do día, por acordo de máis da metade dos votos totais da cooperativa. Se o asunto constase na orde do día bastará o acordo favorábel da maioría dos votos presentes e representados.

4.-En canto ao non estabelecido neste artigo, resultará de aplicación o disposto na Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de cooperativas de Galicia.

ARTIGO 32.- FUNCIONAMENTO DO CONSELLO REITOR

1.- A reunión do consello reitor deberá convocala a presidencia ou quen o substitúa, por iniciativa propia ou por petición de calquera persoa conselleira. Se a solicitude non for atendida no prazo de 10 días poderá ser convocada por quen fixese a petición, sempre que logre para a súa convocatoria a adhesión, como mínimo, dun terzo do consello.

2.-Poderá convocarse para a reunión, sen dereito a voto, o/a letrado/a asesor /a e os/as técnicos/as da sociedade, así como outras persoas sempre e cando a súa presenza resulte de interese para o bo funcionamento da cooperativa.

3.- O consello quedará validamente constituído cando concorran persoalmente á reunión máis da metade dos seus compoñentes. As persoas conselleiras non poden facerse representar.

4.- Os acordos adoptaranse por máis da metade dos votos validamente expresados, salvo nos supostos estabelecidos na Lei 5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de cooperativas de Galicia. Para acordar os asuntos que deban incluírse na orde do día da  Asemblea Xeral será suficiente o voto favorábel dun terzo dos membros que compoñen o consello.

Cada persoa conselleira terá un voto. O voto da presidencia dirimirá os empates.

ARTIGO 33.- RESPONSABILIDADE DOS MEMBROS DO CONSELLO REITOR

1.- As persoas que forman parte do consello reitor actuarán coa dilixencia debida e con lealdade á representación e responsabilidade que ostentan. Responderán solidariamente fronte á cooperativa, ás persoas socias e terceiras do dano causado por actos contrarios a lei ou aos estatutos, e polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Estarán exentas de responsabilidade as persoas conselleiras que salvasen expresamente o seu voto nos acordos que causasen dano, e os ausentes que fixesen constar a súa oposición mediante documento fidedigno dirixido ao consello reitor nos 30 días seguintes ao da adopción de tal acordo.

As persoas conselleiras deberán gardar segredo sobre aqueles asuntos que teñan carácter confidencial, aínda despois de cesar nas súas funcións.

2.- Non exonerará de responsabilidade o feito de que o acto ou acordo lesivo fose adoptado, autorizado ou ratificado pola Asemblea Xeral.

ARTIGO 34.- ACCIÓNS DE RESPONSABILIDADE

A acción de responsabilidade contra os membros do consello reitor poderá ser exercida pola cooperativa mediante acordo da Asemblea Xeral adoptado por máis da metade dos votos presentes e representados, aínda que o asunto non conste na orde do día.

Será de aplicación en todo o relacionado coa acción de responsabilidade, o estabelecido na  Lei5/1998, modificada pola Lei 14/2011 de 16 de decembro, de cooperativas de Galicia.

ARTIGO 35.- IMPUGNACIÓN DE ACORDOS DO CONSELLO REITOR

1.- Poderanse impugnar os acordos do consello reitor que sexan contrarios a Lei ou a estes estatutos; que vulneren os dereitos das persoas socias; ou que, en beneficio de un, lesionen varias  persoas socias ou que lesionen os intereses da cooperativa (en beneficio de terceiros).

A efectos da posibilidade de impugnación, os acordos das persoas conselleiras delegadas, se existisen, entenderanse adoptados polo consello reitor.

2.- Están lexitimados para interpoñer as accións de impugnación de acordos anulábeis aqueles persoas que forman parte do consello reitor que fixesen constar en acta a súa oposición ao acordo, as persoas que fixesen constar a súa oposición mediante documento fidedigno dirixido ao consello reitor nos 30 días seguintes ao da adopción do acordo, e das persoas socias que representen, como mínimo, o 10 por 100 dos votos sociais.

Para a impugnación de acordos nulos está  lexitimada calquera persoa socia,  incluídas as  persoas que forman parte do conse